Arquivos da categoría 'Irlanda'
Non ao Tratado de Lisboa
Publicado en Global Galicia.
A política irlandesa évos unha cousa bastante complicada, e cada día a entendo menos. Onte foi o día no que os irlandeses se daban cita nas urnas para decidir se apoiaban ou non o famoso Tratado de Lisboa, para moitos unha especie de Constitución Europea disfrazada dunha cousa menor. O resto dos países da Unión Europea decidiron aprobar o Tratado nos seus respectivos parlamentos nacionais, algo moito máis seguro e limpo, un proceso rápido e indoloro no que se aforraban o difícil trance de preguntarlles aos cidadáns a sua opinión sobre un acordo, tratado, lei ou constitución (llamádelle como queirades) que ben podería cambiarlles a vida para sempre. Na República de Irlanda, case todo ten que pasar pola peneira dos cidadáns en forma de referendum… e así foi.
A pregunta era fácil: Si ou Non. Fai un mes, a resposta tamén era fácil.
Todos os partidos políticos do arco parlamentario (excepto o Sinn Féin) apoiaban o Si cun fervor inusitado. Millóns de euros en carteliños, anuncios na radio e na televisión, miles de voceciñas taladrando as nosas cabezas todos os días nos medios de comunicación, no transporte público, na rúa: Vote Yes, Vote Yes, Vote Yes… Era imposible permanecer alleo. Si, Vote Yes pero… por qué? Nin un penique para explicar aos irlandeses a razón do Yes. Nin un minuto entre tanta publicidade para explicar as medidas concretas que se ian tomar neste Tratado, os cambios, as restriccións, as novidades… so ideas abstractas, como É bo para Irlanda, Melloraremos, Foinos ben ata agora… cousas así que non convencían a ninguén. Por se acaso, durante a campaña electoral, varias medidas que se presumían perxudiciais para os intereses de Irlanda (en materia agrícola e gandeira), foron paralizadas na Unión Eropea por orde do propio José Manuel Barroso, non fose ser o demo que os irlandeses as apreciasen como consecuencias negativas da europeidade.
E o Non? Por que o Non? Se Irlanda é o que é e o Tigre Celta ruxiu con forza durante os últimos dez anos é gracias á manchea de eurocartos que chegaron dende Bruxelas. So o Sinn Fein, con moi mala imaxe para unha gran parte da poboación, e algunhas organización sociais e foros cidadáns nacidos precisamente para a ocasión, como Libertas, estaban pedindo o Non. A pesar do escaso orzamento da campaña do Non e da pasividade inicial dos irlandeses, os do Non conseguiron levar o debate á sociedade, con moito traballo e moitos voluntarios, falando de medidas concretas e cambios que parece que van a afectar á vida dos cidadáns despois da aplicación do Tratado. Conseguiron meterlles o medo no corpo aos irlandeses que non queren máis cambios dos que xa hai na sociedade nin perder a sua independencia con respecto ás decisións de Bruxelas. Porque ese foi precisamente o cabalo de batalla nesta campaña: a independencia.
O resultado: gañou o Non. Era visto, despois do acontecido nas últimas semanas. Os principais líderes políticos non foron quen de aportar ideas ao debate. Non axudaron as corruptelas do Fianna Fáil, o partido no poder, nin a pouca capacidade da oposición. Tampouco axudaron as famosas 65 horas semanais de traballo aprobadas nesta mesma semana en Europa, cando en Irlanda traballamos 35-40 horas. Os do Non conseguiron convencer a moitos cidadáns de que esta nova Europa que queren construir dende o tellado é pouco democrática, pouco participativa e demasiado orientada ao beneficio económico de certos sectores.
Xa Francia e os Países Baixos tiñan votado Non á Constitución Europea e a Comisión tivo que anular o proxecto, repensalo e forzar este Tratado de Lisboa. E non sei cales serán a consecuencias do Non irlandés. Pero é unha mensaxe. Que o único referendum sobre o Tratado teña un resultado negativo ten que facer reflexionar a máis de un. Seica os cidadáns non queren este modelo de Unión Europea. Seica os líderes políticos deberían de consultarnos máis sobre o que queremos que sexa Europa.
3 comentarios





