Arquivos da categoría 'Brasil'
Toupónimos
Por se non tiñamos bastante coas reviravoltas toponímicas (ou touponímicas, diría eu) tan típicas do noso enxebre país, hoxe déixovos aquí con un exemplo de que a esquizofrenia lingüística non é exclusiva dos bilingüismos harmónicos.
Iguazú (será así en galego?) dá nome a un caudaloso río e ás súas espectaculares cataratas no corazón de Sudamérica, entre o Brasil, Arxentina e Paraguai. O lugar é un dos principais atractivos turísticos do continente, foi escenario de varias películas, como A Misión, e foi descuberto, por certo, por un aventureiro do que falarei outro día e que merecería unha triloxía desas de Hollywood: Alvar Núñez Cabeza de Vaca.
O que son as cataratas, o que todo o mundo quere ver, están nun lugar protexido xusto na fronteira entre o Brasil e Arxentina. Tanto que existen dous parques nacionais, un do lado brasileiro e outro do lado arxentino, e os visitantes teñen que visitar os dous para poder admirar este monumento da natureza en todo o seu esplendor. A visita do lado brasileiro dá unha perspectiva panorámica das cataratas e da Garganta do Diabo, pero é no lado arxentino onde un sistema de pasarelas nos leva ao corazón mesmo das cataratas, da garganta e da illa de San Martín, que está ben no medio de todo o tinglado.
Pois ben, a palabra Iguazú ven, como non, do tupí-guaraní (i-guasú), o idioma local antes da colonización, e significa auga grande. Pasou ao español como Iguazú (con z, erróneamente, porque se pronuncia s: Iguasú), e ese é o nome do parque nacional do lado arxentino e tamén da principal cidade daquela beira, oficialmente, Puerto Iguazú.
En portugués pasou a ser Iguaçu (sen til pero acentuada na u), e a cidade da beira brasileira chámase Foz do Iguaçu, moito mais grande e desenvolvida que a súa irmá arxentina. Ata aquí todo ben. O problema vén co carácter turístico de Iguaçu. Con esa cedilla (ç) tan pouco anglosaxona e tan difícil de entender para os gringos… tanto, que as autoridades turísticas brasileiras xa comezaron (tímidamente ao principio) con un proceso de transformación do topónimo que, se ninguén o remedia e alá non teñen Lei de Normalización Lingüística, pasrá a ser Iguassu. Si, con dúas ss, moito mais comprensible para os non-lusófonos e, tamén, moito mais internetizable…
Aquí deixo unha foto da que estou especialmente orgulloso, desas que saen de casualidade, sen Photoshop nin nada!
E outras fotos que fixen naquela viaxe de Iguaçu e de Iguazú, ou sexa, dos lados brasileiro e arxentino. A pesar do enredo toponímico, o sitio paga a pena.
Sen comentarios





