Pablo Carballada

Arquivos de Outubro de 2009

Eiré

Hoxe vou achegar aquí algúns datos sobre Eiré, unha parroquia que está situada no concello de Pantón e da que é a miña familia e a maior parte dos meus antergos. Esta freguesía, unha máis da Galicia rural é coñecida hoxe por estar situada na Ribeira Sacra e ter un dos monumentos representativos do románico galego, como é a igrexa do antigo mosteiro de San Miguel de Eiré.

ETIMOLOXÍA

Gracias ao autor do magnífico blog Fror na area (que despexou as dúbidas que eu tiña sobre a orixe do topónimo Eiré nesta entrada) xa sabemos que este nome non ten nada que ver con misteriosos monxes irlandeses, como aventurara un pseudo-xornalista na edición local de La Voz de Galicia hai uns anos.

Eiré parece vir dun antropónimo xermánico (suevo?), Ageredus, que debía ser o nome do señor das terras na época altomedieval. Ageredus vén do protoxermánico Agerēdaz, que significaba algo así como conselleiro con espada.

O primeiro rexistro documentado data do ano 747 e xa se menciona nel a igrexa parroquial de San Xulián:

“ecclesia sancte Eolalie et sancta Cecilia et uilla de Ageredi cum ecclesia sancti Iuliani”

Posteriormente, o topónimo foi evolucionando e transformándose en Agiree (1108), Eiree (1125) e Eyree (1342).
O camiño completo a seguir por esta evolución sería algo así:
Ageredi > Aeredi (perda do g intervocálico) > Airedi > Eiredi (conversión do hiato en ditongo, e cerre de este) > Eirede (i breve átona > e) > Eiree (perda do d intervocálico) > Eiré (reducción do hiato)

XEOGRAFÍA

A parroquia de Eiré ten hoxe uns 270 habitantes, e está situada no extremo suroeste do val de Lemos. De feito, as súas aldeas están encaixadas entre o propio val e as primeiras estribacións dos outeiros que van dar á ribeira do Miño.

A parroquia de San Xulián de Eiré, que pertence á diócese de Lugo, contén as seguintes aldeas e lugares:

  • O Barrio: lugar de orixe da familia do escritor Ánxel Fole.
  • A Casanova
  • A Costa
  • A Estrada
  • Faramontaos
  • Ferreiroá: na entrada da aldea está o Pazo de Ferreiroá, do século XVIII, e que está ligado ás familias señoriais da zona (Arias, Mosquera, Pardo, Sanjurjo, Quiroga…)
  • Freixedo
  • Guítara: é o lugar poboado máis alto do concello. Aquí está a capela de San Bartolomeu.
  • A Morá
  • O Mosteiro: aquí estaba o hoxe desaparecido mosteiro de San Miguel de Eiré, do que so queda a igrexa.
  • Nadal
  • Pedragude
  • Ramos
  • Rodiz
  • San Xulián
  • A Santa Mariña: a aldea máis poboada da parroquia, está perto da capela de Recerendes, adicada á Virxe da Ascensión, con fonte de auga milagreira incluída.

Rodiz, Guítara e Pedragude tamén parecen ser topónimos de orixe xermánica.

HISTORIA

Todo o val de Lemos estaba habitado polos lemavos no momento en que chegaron os romanos. Este pobo celta deixou numerosos restos arqueolóxicos na comarca, e tamén na propia parroquia de Eiré, onde destacan os castros de Guítara e Ramos, dous dos catorce asentamentos castrexos que se localizaron en Pantón.

Pero a historia da parroquia vai ligada ao mosteiro de San Miguel de Eiré, do que non sabemos a data exacta da fundación. Aínda que oficialmente o cenobio benedictino data da segunda metade do século XII, hai un documento do 1108 no que xa se menciona a unha abadesa en Eiré (abbatisa in Agiree Eldonca). Tamén hai elementos nos capiteis da capela que mostran que houbo un templo anterior ao románico.
O mosteiro foi finalmente abandonado no século XV, a causa da reforma dos mosteiros benedictinos levada a cabo polos Reis Reis Católicos, e as súas ruínas foron definitivamente desmanteladas nos primeiros anos do século XX. As pedras do mosteiro aínda se poden ver nas casas das aldeas veciñas. So quedou en pé a capela, que foi obxecto de unha importante restauración nos anos 60.

O elemento distintivo da igrexa é a torre rectangular xusto enriba do altar do cruceiro. Este é un caso único en Galicia, e tan so se pode atopar esta característica en algunhas igrexas románicas no norte de Castela, o que suxire que o mosteiro foi contruído por canteiros casteláns chegados polo Camiño de Santiago.
Tamén se poden apreciar un cordeiro no arco da porta principal, xunto con outras figuras zoomórficas, como os os apóstolos Lucas e Marcos convertidos en bestas, e unha xanela mozárabe de arco de ferradura.
Dentro do edificio destacan a pía batismal e as pinturas do teito (descobertas nos últimos anos), así como unhas esculturas atribuídas a Cornielles de Holanda, todos estes elementos dos séculos XV-XVI.

2 comentarios