Arquivos de Xuño de 2008
Decálogo do galego
Aquí paso a difundir o decálogo do galego, de Manuel Rivas, recitado durante a presentación do seu libro Os Grouchos (compilación dos artigos malvendidos por Rivas ao panfleto El País) na libraría Ler de Santa Comba. Tamén hai un vídeo aquí.
- O paraíso tamén está en Galicia. Non é chauvinismo. Por que imos ter menos autoestima que as inmobiliarias? O que lle fai falta a este país é unha man de pintura coas cores das dornas e un azul de Patinir.
- Somos fillos da vieira. É dicir, de Venus. En Santiago está soterrada unha deusa adolescente e o Camiño de Santiago foi sempre o da fertilidade, o da comitiva de Dionisio, usurpado pola burocracia do Santo Oficio e a multinacional das Indulxencias.
- Somos do partido do riso. Aquí, os mortos pásano ben. Chegará un día en que en lugar de crego pediremos un mariachi que cante Pero sigo siendo el rey!
- Somos larpeiros, a moita honra. Sempre nos din: Nada de caramelos agora. Cando non teñades dentes, xa comeredes todos os que queirades. Pois imos comer cos dentes as Pedras todas de Santiago.
- Temos vontade de estilo. Facemos ben o mal e mal o ben.
- Temos unha lingua propia, moi lírica, moi lercha. E un acento con moitas curvas, afrodisíaco.
- Somos moi de aldea: só nos interesa o planeta Terra e a estreliña do luceiro, compañeiriña da lúa.
- Somos sentimentais, que pasa? A ver quen ten collóns a chorar como choramos nós!
- Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d’Os pinos, supera en todo o God save the Queen.
- Seremos os últimos en marchar deste lugar. Chegaremos tarde ao Xuízo Final.
Roubado de Días Estranhos.
1 comentario

