O primeiro emigrante galego
Publicado en Global Galicia.
Non sei se Amergin foi o primeiro emigrante galego, mais este bardo-guerreiro celta, orixinario do lugar que logo os romanos chamaron Brigantium saiu da sua terra hai moitos anos, tantos que os monxes irlandeses que escribiron a súa historia perderon a conta, aínda que algúns sitúan a sua chegada a Irlanda no 1530 a.C.
Amergin era bisneto de Breogán e un dos oito fillos de Míl, os chamados Milesios, que segundo a tradición recollida polo Libro das Invasións de Irlanda (Leabhar Gabhála, isto non se pode tomar como fonte histórica!), foron os primeiros celtas en chegar á illa. Despois de guerrear cos antigos poboadores, e dun combate naval con cantos de druidas e tormentas máxicas incluídos no que Amergin demostrou os seus poderes, os Milesios conseguiron conquistar Irlanda, entrando primeiro por Kerry e despois polo estuario do río Boyne, na actual Drogheda.
O noso Amergin era un bardo, o poeta do grupo, mais tamén era un guerreiro e o xuíz escollido para decidir os destino dos perdedores e mesmo as leis que debían seguir os seus paisanos. A tradición tamén sitúa a súa tumba nun lugar chamado Millmount, en Drogheda, e moi pertiño de Tara, centro do poder na antiga Irlanda.
Todo isto vén a conta dun ruxe-ruxe que anda percorrendo a illa nos últimos días. Trátase das obras no novo porto da puxante Drogheda, que acaban de ser interrompidas debido á riqueza arqueolóxica do lugar. Políticos e patrociadores do novo porto do estuario do Boyne se excusaron pola demora nas obras dicindo que encontraran os restos do que podería ter sido o primeiro asentamento permanente en Irlanda de Armegin e os seus irmáns, os bisnetos de Breogán.
Finalmente, parece que esas historias de lendas e seres mitolóxicos que recopilaron aqueles monxes medievais no Libro das Invasións de Irlanda non eran todo lerias, ou si?
3 comentarios
Escribe aquí o que che pete:






Comentarios en Global Galicia
Candas lerias contaran estas lendas pero… cantas lendas terán algo de verdade? seguro que moitas! grazas polo blog
Non sabía de esa historia. Despois procurei na wiki e non tiña in idea de todas esas lendas que unen Galiza con Éire.