Pablo Carballada

Que ben vos preste!

Arquivos de Novembro de 2007

Bretaña

O mar bravo, os cantís de granito, as praias de area branca, os mariñeiros de pel dura, as mariscadoras con carné, as bateas, os fodechinchos, as aldeas esparexidas no manto verde, os paisanos tomando o solciño na porta da casa, o millón de vacas, os cruceiros nos camiños, as igrexas de pedra, os dolmens, o vento mareiro, a choiva miudiña…

Pero tamén o paro, os politicachos, a emigración, a crise do mar e a do campo, a concentración parcelaria, o bilingüismo de mentira, un país ancorado no finisterre, o cabo do mundo, lonxe do corazón do xigante.

Galicia? Non, Bretaña.

AS ORIXES

O que hoxe coñecemos como Bretaña, ese corno que lle sale a Francia cara o Atlántico, está poboado dende os tempos do Neolítico, como amosa a abundancia de monumentos megalíticos, sobre todo na costa do Morbihan.

Os romanos conquistaron esta rexión con moita dificuldade, e o mesmo Xulio César tivo que acudir para dirixir persoalmente as accións bélicas das lexións. O famoso Astérix e os seus paisanos están inspirados nos vénetos, un pobo celta que resistiu heroicamente os ataques dos invasores na actual Vannes. Os romanos chamaron a esta rexión Armórica (Aremoricae, que está fronte ao mar). Os pobos galos que habitaban este cabo do mundo nunca foron totalmente sometidos e mantiñan contactos comerciais e culturais cos outros pobos celtas do Atlántico, especialmente cos da Britannia.

A historia da rexión cambiaría nos séculos V-VI, cando as sucesivas invasións dos saxóns na Illa de Britannia (actual Gran Bretaña) obrigan a moitos bretóns a desprazarse aos recunchos máis afastados da illa (Gales e Cornualles) ou a emigrar aínda máis lonxe. A maior parte deles cruzou o canal da Mancha e quedouse no extremo occidental da Armórica, levando consigo o seu idioma, cultura, relixión e mesmo o nome para o seu novo país, que pasaría a chamarse Bretaña (Breizh en bretón). A parte máis occidental do actual Finistère tamén foi chamada polos seus antigos colonos Cornualles (Kernev en bretón, que vén do córnico Kernow), igual que no seu país de orixe.

OS BRETÓNS GALEGOS

Mais houbo uns cantos miles que chegaron a Galicia e se instalaron no norte de Lugo e tamén en Asturias. Fundaron un bispado e foron liderados polo mítico Mailoc, integrándose na estructura do Reino Suevo de Galicia.

Estes bretóns tiñan a súa capital en Bretoña (na Pastoriza, Lugo). A súa influencia foi decisiva na cultura e nas tradicións galegas sendo, por exemplo, os introductores da gaita na nosa música tradicional. Participaron nos concilios cristiáns da época e na estructura do goberno suevo, e aínda aparecen citados en documentos do século XII.

A RELIXIÓN

Os bretóns parecen ser fieis ás súas crenzas e tradicións, moitas delas herdadas dos celtas, que foron desprezadas pola Igrexa para extirpar calquera referencia ao paganismo. Por isto, cando viaxamos pola Bretaña atopamos un gran número de igrexas, fontes sagradas, peregrinaxes, capelas votivas, impresionantes catedrais e os típicos cruceiros, moi semellantes aos nosos, e que xa foran descritos por Castelao no seu libro As Cruces de Pedra na Bretaña (1932).

Pero o máis curioso é o culto aos santos, uns 7500 segundo o bispado de Quimper, aínda que só 3 son recoñecidos oficialmente pola Igrexa Católica. Pouco lles importa iso aos bretóns, que renden culto a todos eles e, especialmente, aos 7 santos bispos (Samson, Malo, Brieuc, Tugdual, Pol Aurélien, Corentin e Patern), fundadores dos 7 bispados, considerados os pais da nación bretona e que hai que visitar alomenos unha vez na vida (como a San Andrés de Teixido, vai de morto quen non vai de vivo…).

A BRETAÑA MODERNA

O Ducado da Bretaña mantivo a súa independencia ata 1532, cando foi definitivamente invadido e a duquesa Ana foi obrigada a casar con dous reis franceses para lexitimar esta anexión. Pero non foi ata o triunfo da Revolución Francesa cando o antigo Ducado perdeu todos os seus privilexios e pasou a ser unha provincia máis da República.

Hoxe en día, a rexión histórica da Bretaña está ocupada pola rexión administrativa da Bretaña, á que habería que engadir o departamento do Loira Atlántico, no que está a antiga capital do Ducado, Nantes, e que ficou misteriosamente separado do resto da Bretaña en 1790.

O único idioma oficial é o francés. O bretón e o galó non están recoñecidos e só as iniciativas culturais os manteñen vivos. O bretón é unha lingua celta, traída por aqueles inmigrantes que viñan do norte. Está, polo tanto, moi emparentado co galés e o córnico e sobrevive no extremo occidental da rexión. A toponima está claramente influenciada pola Igrexa, pois case todos os nomes de lugar levan algún sufixo do tipo Ker- (aldea), Lan- (mosteiro), Loc- (ermida) ou Plou- (parroquia).

FOTOS DA BRETAÑA

4 comentarios