Pablo Carballada

Que ben vos preste!

Arquivos de Novembro de 2006

A Noite dos Defuntos

A Noite dos Defuntos foi xa hai uns días, ¿ou foi onte? O debate promete, e de seguro que nos vindeiros anos imos ter que aturar, unha e outra vez, a mesma leria sobre como chamar e mesmo celebrar a festa da Noite dos Defuntos.

Para poder saber como nomear esta festa, deberiamos coñecer un pouquiño sobre as súas orixes. Porque según como lle chamemos, o que se se celebra tamén é un pouco diferente. Imos ver se lle podemos dar un pouco de luz a isto.

O SAMHAIN

Comezamos polo máis antigo, o orixinal, o Samhain.
En primeiro lugar ¿como debemos pronunciar isto? Pode ser que sexa demasiado tarde a estas alturas, porque esta palabra parece estar xa institucionalizada en Galicia. Xa que parece que hai tantos interesados en importar unha palabra irlandesa para esta festa, importémola ben.
Samhain é unha palabra orixinada no idioma gaélico-irlandés, e significa “fin do verán”, ainda que no gaélico actual adquiriu o significado do “mes de novembro”.
Tamén existe no idioma gaélico-escocés (Samhainn para a festa e an t-Samhain para o mes), xa que este idioma é unha derivación do gaélico que falaban os irlandeses que foron chegando á Escocia en sucesivas migracións hai uns 1500 anos (Escocia vén de Scota, princesa na mitoloxía irlandesa).
Como é de supoñer, os irlandeses non pronuncian Samaín, así que os galegos deberiamos pronunciar algo así como Xau-in. Hai que ter en conta que existen moitas falas diferentes na Irlanda, case unha por cada condado, mais hoxe o gaélico só é unha lingua viva nalgúns recantos da costa oeste da illa. E ainda máis, a pronunciación tamén varía en Escocia e Gales.

Ainda que de orixe irlandesa, a festa extendeuse por todo o mundo celta antes da chegada do Imperio Romano, e converteuse nunha celebración moi popular en toda a Europa Atlántica, tendo diferentes variantes en cada rexión.


A noite do Samhain (Oíche Shamhna) marca unha das celebración máis importantes do calendario celta dende hai 3000 anos. Hoxe en día cae sempre na noite do 31 de outubro. É a noite dos mortos, das bruxas e das fogueiras, mais é tamén o fin do verán, cando se garda o gando, o gran e a herba para o inverno e os druidas deciden que animais van ir para a matanza.
Nesta noite, a xanela que separa o mundo dos vivos do dos mortos desaparece e as ánimas regresan a visitar aos vivos. De aí vén a tradición irlandesa de deixar comida fóra da casa na noite do Samhain (os nenos piden doces polas casas no Halloween americano) e de facer fogueiras e figuras demoníacas con ósos e cabazas para afastar aos malos espíritus (antigamente eran as cabezas dos inimigos mortos). Pero tamén é a noite na que as bruxas (ou meigas) teñen máis traballo. É a noite na que os mortos pasean entre os vivos, a noite ideal para facer contacto con eles e preguntarlles sobre o noso futuro.

O HALLOWEEN

All Hallows’ Eve, ou Halloween, significa a Véspera de Todos os Santos, nome imposto durante a cristianización das Illas Británicas. É, simplemente, a versión americana do Samhain, popularizada no século XIX polos inmigrantes irlandeses e británicos no novo mundo.
Gracias ao cinema e a cultura pop, os americanos exportaron a súa versión da Noite dos Defuntos ao resto do mundo e mesmo aos paises de orixe da festa, que loitan por manter as suas tradicións ancestrais fronte a influencia globalizadora do Halloween americano.

O DÍA DOS SANTOS

Os romanos identificaron o Samhain celebrado na Europa Atlántica coa sua propia festa dos mortos, a Lemuria, ainda que ésta caía por maio.
Coa cristianización, no ano 610 a Lemuria converteuse nun día santo adicado á Virxe María e aos mártires, o 13 de maio. O Papa Gregorio III, no século VIII cambiou ese día para o 1 de Novembro, dedicado a Todos os Santos, ainda que só na Diócese de Roma (ainda hoxe, a Igrexa Ortodoxa celebra o Día dos Santos no domigo seguinte ao Pentecostés).
Finalmente, o Papa Gregorio IV no século IX extendeu o Día de Todos os Santos ao resto da Cristiandade, coincidindo co día seguinte do Samhain, e un tal Odilo de Cluny inventouse o Día dos Defuntos no 998, ficando este no 2 de Novembro.

Existen teorías que din que a Igrexa quixo así cristianizar a festa pagá do Samhain, facendo coincidir o Día dos Santos ca Noite dos Defuntos. Algo que xa tiñan feito, con éxito, co Nadal, a Pascua, e algunhas festas máis.
Non vos estrañedes, que xa o deixara escrito Saulo de Tarso (San Pablo para os católicos) nunha das súas cartas: “E non vos adaptedes a este mundo, transformádevos mediante a renovación da vosa mente, para que verifiquedes cal é a vontade de Deus: o que é bon, aceptable e perfecto” (Romanos 12:2). Amén.

O MAGOSTO

Pensabades que isto non se podía liar máis? Pois aínda pode…
O Papa Gregorio XIII (outro máis) decidiu que o día seguinte ao 4 de outubro de 1582 fose día 15 eliminando os dez dias que quedaban no medio e que xa nunca máis existirían. Isto afectou a todos os países católicos, e ata Gran Bretaña finalmente pasou polo aro do calendario gregoriano en 1752.
¿E isto como nos afectou aos galegos?
O día 1 de Novembro de 1582 pasou a ser o 11 do novo calendario, dia que continuou sendo o da celebración da festa que nos ocupa e que en Galicia se viña denominando Magosto, palabra derivada do latín magnus ustus (fogueira grande) ou magum ustum (meigo queimado). Esta festa era, segundo esta teoría, a consecuencia da evolución natural do Samhain celta nas terras da Gallaecia (non só na Galicia actual).
Polo tanto, o dia 1 de Novembro do novo calendario gregoriano correspondería ao 25 de outubro do vello calendario xuliano, e aí trasladouse o Día de Todos os Santos.
E a festa pagá do Magosto/Magusto? Seguiuse celebrando no novo 11 de novembro gregoriano (antigo 1 de novembro xuliano) e que a Igrexa tiña reservado para Martin de Tours (San Martiño).

Hoxe o Magosto perdeu case todas as súas connotacións relixioso-esotéricas e quedou como festa gastronómica de castañas, chourizo, viño e queimada (esas tradicións si que non as perdemos), trasladándose o resto da festa á Noite dos Defuntos, ou Samhain ou Halloween, ou como lle queirades chamar a esa noite do 31 de outubro.

7 comentarios

« Entrada seguinte