Pablo Carballada

Que ben vos preste!

Arquivos de Novembro de 2006

Carballada

Hai tempo que eu viña “profundando” na idea de facer un post adicado a este meu apelido materno, Carballada, pois no seu día procurei algunha información que me parece interesante compartir con outros que se chamen igual.
 
ETIMOLOXÍA

Parece bastante evidente a orixe etimolóxica da palabra carballada. Está claro que é un apelido galego e case podemos adiviñar o seu significado.
Hoxe non existe esta palabra no galego actual. Pode ser que sexa derivada de carballeda, que ademáis é moito máis abundante entre os apelidos galegos e que significa o mesmo que carballeira: “lugar poboado de carballos”. Non é necesario que vos lembre o que é un carballo.
Podemos asumir que carballada é unha variante de carballeda, que deriva de carballo. Pero de onde vén carballo? Como non son filólogo permítome citar a alguén que si sabe destas cousas, como Xosé Luis Méndez Ferrín, que deixou ben claro na “Caixa dos Apelidos” que escribe os domingos no Faro, que as orixes da palabra carballo constitúen un enigma ben arcaico pois a súa raiz é preindoeuropea e tiña significados como “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte áspera e dura”. Posteriormente, sobreviviu ás linguas prerromanas e ao latín para dar diferentes palabras nos idiomas europeos modernos, sempre relacionadas co monte e as súas plantas. Entre elas está o galego-portugués carballo ou carvalho, pero tamén o vasco karbara.


Como curiosidade, podemos engadir que si existe a palabra carvalhada no portugués do Brasil. Alí, nalgúns estados do interior e o nordeste, a carvalhada é unha festa tradicional parecida ás festas de mouros e cristiáns de España, e mesmo o goberno emitiu estes selos.
Non existe o apelido Carvalhada.
 
ORIXE DO APELIDO

Como todos os apelidos do país, o noso comezou a herdarse nalgún momento entre os séculos XIV e XV. Seguramente ten orixe toponímica, o que quere dicir que foi un sobrenome que se lle puxo a unha familia que vivía nun lugar así chamado e que despois ficou petrificado en forma de apelido, seguramente na forma “da Carballada”. O “da” teríase perdido na escuridade dos séculos, como lle pasou ás preposicións de case todos os apelidos toponímicos.
Hoxe non existe ningún lugar, aldea ou freguesía en Galicia que se chame Carballada, ainda que si existiu, concretamente na freguesía de Martín, concello de Bóveda (Lugo) un lugar, ou mellor dito, unhas pedras no río que atravesa o lugar e que os veciños chamaban Ponte da Carballada. Nesta aldea é onde atopamos a maior concentración de Carballadas!!

O devanceiro máis antigo do que teño noticia é Pedro Carballada, que andaba en pleitos cun tal Bartolomé de Vilaboa en 1597, e que está documentado no catálogo de Particulares nos fondos documentais do Arquivo do Reino de Galicia.


Teoría alternativa: Pode ser que Carballada sexa simplemente unha variación ou deturpación máis ou menos recente do apelido Carballeda, tamén orixinario de Lugo pero moito máis frecuente. De ser así, deberíamos considerar a Ponte da Carballada como unha denominación posterior á da familia.
 
EMIGRACIÓN

Éste é un apelido en perigo de extinción, como case todos os apelidos “raros”. Hoxe hai máis Carballadas fóra de Galicia e mesmo de España que no propio país. Isto é debido, principalmente, á forte sangría migratoria que sufriu o interior de Galicia nos últimos 200 anos. Imaxinade as condicións de vida en Martín (Bóveda) no século XIX… ou agora!
Foron varios os que emigraron aos Estados Unidos nos anos 20 e 30 e que están rexistrados nos arquivos de Ellis Island, o centro receptor de inmigrantes, fronte á Estatua da Liberdade. Isto explica que hoxe vivan neste país un importante número de persoas con este apelido, concentrados nos estados de New York e Ohio, principalmente.
En menor número chegaron a Cuba, e de aí, posteriormente, á Florida, Puerto Rico e México.
Pero o grande receptor foi, como non, a Arxentina, país no que viven máis Carballadas que en España, ainda que iso pasa tamén con moitos outros apelidos galegos.
 
ESTATÍSTICA

O Instituto Nacional de Estadística sacou esta interesante páxina na que podemos procurar os apelidos dos residentes inscritos no padrón do Reino de España.
Isto pode ter diferentes aplicacións, por exemplo, coñecer a provincia de orixe do apelido en cuestión e o patrón das migracións dos seus portadores. Ademáis temos a opción de elixir se queremos procurar as provincias de residencia ou as de nacemento.
O único problema é que se o resultado nunha provincia é menos de 5, non aparece, e eses individuos pasan á categoría de “Resto”.
Eu procurei o apelido Carballada, por lugar de residencia e de nacemento (clicade para ver os reultados) e aquí temos algunhas conclusións:

- O apelido orixinouse na provincia de Lugo (iso xa o sabiamos). Aproximadamente o 60% dos Carballadas (como primeiro ou segundo apelido), naceron en Lugo, ainda que só un 37% viven ainda na provincia.
Os camiños da emigración interior levaron aos Carballadas ao resto de Galicia (á Coruña, preferentemente, e a Pontevedra) e, por suposto, a Barcelona e Madrid.

- Algunhas provincias desaparecen do mapa se nos limitamos á procura por nacemento (ou é que naceron menos de 5 nesas provincias?).
- Outras 35 persoas levan o apelido Carballada nas provincias non maioritarias (Resto).
- Un dato curioso: 4 persoas apelídanse Carballada Carballada, pero non naceron nin viven en ningunha desas provincias maioritarias.
- Somos 397 no Imperio (non sei se estou incluido na conta) e algúns máis que están de camiño. Se mantemos a balanza positiva pasaremos dos 400, que case non dá nin para encher o cine da esquina.
En Galicia, a Xunta e a Universidade de Santiago acaban de lanzar estoutra páxina, e podedes consultar a distribución deste apelido por concellos aquí!!
O mapa da frecuencia relativa do apelido Carballada nos concellos galegos (padrón do 2001) quedaría así:

23 comentarios

Entrada anterior »