Arquivos de Xuño de 2006
Ubuntu? Si, Bwana
Estou de volta dos infernos.
Camiñei polo fío dos chips de silicio dende os tempos do basic, ollando cara o inmenso abismo de ceros e uns que agromaban como burbullas ferventes de kilobites ao meu paso.
O demo, ai! aquel trasno burlón con sorriso de novo rico tiraba de min agarimosamente, e eu, confiado, deixábame querer, como pensando que aquilo era o mellor, o ciberparaíso perdido, insuperable, imperturbable, incorruptible, e que eu non sería quen de mudar o destino que todos marcaran para min.
No outro lado do fío, lonxe, moi lonxe, máis aló da escuridade cibernética, eu escoitaba algo, sereas en mp3?… cando avancei puiden ver, non eran sereas, mal raio me desinstale! eran pingüíns latricando entre eles… eu non entendía… falaban dun novo mundo, de principios, de ideas que eu só soñaba.
O demo devecía por manterme ao seu carón, eu non era especial, era unha IP máis entre millóns de servidores, pero el morría un pouquiño cada vez que perdía unha das pitelas que queimaban o seu lume xerador de dólares. Eu xa era unha pitela mollada facía tempo, mais o meu medo e a súa ambición desmedida me tiñan pegado ao seu cu.Cando me alonxei, vin que aquela fogueira infinda que alumaba o meu paraíso de pradeiras verdes e ceos azuis era, en realidade, unha estrela enana que afogaba na súa miseria.
Cheguei, seguindo o rastro multimedia de luces de cores e sons naturais dos meus novos amigos, os pingüíns. Nestoutro mundo non había portas, nin chaves, nin cartos, nin ladróns, nin leis, nin piratas, nin…
Un deles viume algo despistado e faloume en binario:
-Es novo?
-Sí
-Ubuntu, logo
-Vale
2 comentarios



