Pablo Carballada

Que ben vos preste!

Arquivos de Febreiro de 2006

Diario da viaxe (28/02)

Chegamos á Foz do Iguaçu cediño na mañá. O bus chegou un pouco máis tarde das 7. Foron 13 horas. Un palizón.
Collemos un bus na estación de autobuses. Por erro, subimos no que vai a Paraguai, pero baixamos no centro de Foz e xa collemos outro que nos levaba a Puerto Iguazú, no lado arxentino (isto é unha triple fronteira). Baixamos no posto fronteirizo brasileiro para selar no pasaporte a miña saída. O bus non esperou. Collemos o seguinte, e baixamos no posto arxentino para selar a entrada na Arxentina. Había no bus unhas rapazas israelís que non entenderon o preocedemento e foron botadas con mochilas e todo nun dos postos fronteirizos.
No posto arxentino había un amago de rexistro de mochilas. Por sorte non nos rexistraron a nós, non estabamos totalmente limpos…
Por fin, chegamos a Puerto Iguazú (o lado arxentino) e fomos dereitos ao hostal El Güembé. Está moito mellor que o de Santa Catarina, con cuarto privado, aire acondicionado, baño…. Todo moi bo e barato. Despois de 4 días no Pirata, este era como un palacio…

Despois de chegar ao hostal, almorzamos café e bocata nun bar perto da estación. Segundo os consellos da recepcionista, e como xa era tarde de máis, decidimos ir ao lado brasileiro das cataratas, máis fácil e rápido de percorrer. Para isto tiñamos que cruzar a fronteira outra vez, pero só selamos a saída-entrada da Arxentina. No posto brasileiro nin paramos. O conductor pregunta quen vai estar máis dun dia no Brasil (son os que teñen que selar). Se ninguén fala o conductor segue e ninguén é selado no posto fronteirizo brasileiro. O terei em conta se algún día son un fuxitivo internacional.

Chegamos por fin ao Parque Nacional do Iguaçú, a parte brasileira das cataratas.
Este lado pódese facer en 2 horas. Hai un bus que sae do centro de visitantes e chega ata a Trilha das Cataratas. Esta trilha é un camiño perfectamente preparado para que todos a poidan facer, con escaleiras, indicacións e mesmo un ascensor no final do camiño. Hai varios miradores, todos con diferentes vistas panorámicas sobre as cataratas. As vistas son espectaculares, porque vense todas as cataratas dende diferentes puntos do camiño.
No lado arxentino, os sendeiros van máis perto das cataratas e mesmo se pode coller algún bote e pasar moi pertiño.
Despois disto, voltamos a Puerto Iguazú, pasando, claro, polo trámite fronteirizo outra vez. Xa de volta no lado arxentino, fomos comer nun restaurante. Foi bo e barato. Comemos de primeiro un prato para picar (xamón cocido, longanizas, queixo, aceitunas…) e unhas empanadiñas de carne e de xamón e queixo. Tamén unha pizza e cervexa. Finalmente, voltamos cedo ao hostal. O día foi moi quente e case non tiñamos durmido na noite anterior, así que nesta hora xa estamos escarallados.

Fotos do día
.

Sen comentarios

Entrada anterior »